A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

30 ago 2011

A FESTA DE SANTA MARGARIDA, CONCORRIDA, ANIMADA, GOZOSA

Nesta primeira serie de fotografías vemos diversos momentos da animación que se viviu no adro da igrexa parroquial ao recollerse a procesión pouco despois das dúas da tarde do domingo  28 de agosto.


 Aínda que, por razóns e causas xustificadas,  non puidemos contar cos gaiteiros "nosos", un cuarteto amigo acompañou a procesión e animou as danzas tradicionais no adro. 
Tamén é de aprezar a boa disposición de algunhas freguesas para portar a santa no seu percorrido procesional. Aquí vemos as que fixeron a parte final.


Os nenos e nenas, os que axudaron no altar como acólitos e os que asumiron a honra do "Ramo" tamén aportaron a súa nota de convencemento, alegría e inxenuidade.


E o baile, animoso, participado, expresa ben a alegría e o sentido familiar e fraterno que vai adquirindo a comunidade parroquial e que se vai contaxiando  pouco a pouco aos conveciños e visitantes. 


Vivimos unha gran xornada, en honor e tamén grazas a Santa Margarida, a nosa padroeira. 

27 ago 2011

REPRESENTACIONS DE SANTA MARGARIDA (3)

IMAXE PROCESIONAL DE SANTA MARGARIDA
   A imaxe de Santa Margarida que sae en procesión o día da festa é do mesmo obradoiro cá imaxe "oficial" que se venera no retablo. Esta, a do retablo, polas súas dimensións e peso, non é apropiada para saír a ombros, pois precisaría da forza alomenos de oito persoas para distribuír tanta carga.
Tanto a imaxe grande como a que sae en procesión e que vemos nesta fotografía, mostran a Santa Margarida cos simbolos clásicos da palma, que sostén na man esquerda e indica a súa condición de mártir; da coroa ou guirlanda de flores na cabeza, que indica que era unha virxe, isto é, unha doncela que  fixera voto de castidade e que, polo tanto, tiña como esposo a Cristo; aos pés, aquí oculto polas flores, está derrotado e sometido o dragón infernal, a quen Margarida venceu no cárcere tras terrible loita. A novidade desta representación de Santa Margarida respecto doutras consiste en que sostén na man dereita o libro das Sagradas Escrituras e non aparece a cruz ou crucifixo que, conforme a lenda tradicional,  servira de arma definitiva contra o dragón.. Estas representacións de Santa Margarida que temos na parroquia apuntan á importancia da Palabra de Deus na vida dos santos e á necesidade do cristián actual, se os quere imitar, de coñecer os evanxeos e acudir a eles para iluminar a propia vida conforme a vontade de Cristo. 

24 ago 2011

REPRESENTACIONS DE SANTA MARGARIDA (2)


Esta é a Santa Margarida de Pietro Sorri.(San Gusmé 1556 - Siena 1621),  un pintor italiano activo durante a última época do manierismo.
Residiu en Xénova entre 1596 e 1598, onde foi mestre de Bernardo Strozzi e Giovanni Bernardo Carlone. Na devandita cidade tivo influencia sobre unha nova xeración de pintores genoveses, a quen introduciu nos principios do manierismo. Sorri foi un artista itinerante que traballou en diversos lugares de Italia, aínda que con posterioridade traballaría de novo en Liguria en1612-1613, como o proba o seu Martirio de Santa Lucía na igrexa de Campoligure.
Sorri serviu de exemplo para artistas sieneses máis novos, pois a súa pintura conxuga, sobre todo na súa primeira época, a súa formación sienesa coa influencia de artistas florentinos como Domenico Passignano, que foi o seu sogro, ou a da pintura emiliana de Correggio ou os Carracci.
En España áchanse presentes algunhas obras de Sorri, froito da doazón que Cosme II de Toscana realizou ao Mosteiro das Descalzas Reais de Valladolid dunha ampla colección de pintura toscana para decorar o novo claustro do convento en 1610. Entre elas este gran cadro que ten a Santa Margarida como tema. Nel contemplamos a santa, chea de luz e en expresión de arroubo, o dragón vencido  grazas ao crucifixo que Margarida sostén na man dereita e, en segundo plano, unha alusión á historia do seu martirio.

Outras obras de PIETRO SORRI
§  Morte de Santo Antón Abade (c. 1602), debuxo, Museo do Louvre
§  Santísima Trindade e  santos, (Sant'Agostino, Siena)
§  Virxe co Neno e  santos, (San Pietro a Vico, Lucca)
§  Cristo bendicindo, a Virxe, San Francisco e Santo Andrés (1605, San Francesco, Siena)
§  Cristo coroado de espiñas (1606, Monte dei Paschi di Siena, Siena)
§  San Xoán Evagelista (1610, Descalzas Reales, Valladolid)
§  Santa Margarida (1610, Descalzas Reales, Valladolid)
§  Martirio de Santa Lucía (1612-1613, Natività della Vergine, Campoligure)
§  Multiplicación dos pans e dos peixes (dibujo, Uffizi)
§  Frescos da cúpula da Certosa di Pavia, en colaboración con Alessandro Casolani

REPRESENTACIONS DE SANTA MARGARIDA


Santa Margarita e o dragón
 Autor: Tiziano
 Data:1552 h.
 Museo:Mosteiro de San Lorenzo del Escorial
 Características:210 x 170 cm.
 Material:Oleo sobre lenzo
 Estilo:Renacemento Italiano
Santa Margarida será unha das santas máis veneradas na corte española e numerosas mulleres da familia real levan o seu nome. A santa proclamara o seu cristianismo e fixera voto de castidade, rexeitando a proposta de matrimonio realizada polo prefecto de Antioquía. Torturada e encarcerada, foi atacada por Satán baixo a aparencia dun dragón que desexaba devorala. Conseguiu escapar milagrosamente do monstro grazas ao crucifixo que levaba nas súas mans, pero foi posteriormente decapitada. Segundo Panofsky, Tiziano inspirouse nunha lenda apócrifa que mestura as historias de Santa Margarida de Antioquia e Santa Marta, a irmá de Lázaro, quen conseguiu vencer a un dragón no val do Ródano grazas á utilización de auga bendita e unha cruz. Até o século XIV as dúas historias confundíanse, outorgándose os feitos a Margarida, a máis famosa das santas. Tiziano preséntanos a santa no centro da composición, recibindo un potente foco de luz que resalta as tonalidades claras do seu vestido, contrastando co fondo escuro. Santa Margarida sitúase nunha paisaxe, conseguindo fuxir ante o dragón morto grazas ao pequeno crucifixo que porta na súa man esquerda. A figura da santa inspírase na estatuaria antiga, recorrendo a un acentuado escorzo que enlaza co estilo manierista. A pincelada é rápida e empastada, creando sensacións atmosféricas que serán moi apreciadas durante o Barroco. A luz e a cor convértense nos principais elementos do estilo de Tiziano. No contraste lumínico entre a claridade da santa e a escuridade do monstro quíxose ver unha alegoría do triunfo do ben ante o mal.A obra foi realizada para Felipe II, encargada tras a segunda estancia do pintor en Ausburgo. O delicado estado de conservación da tea fai difícil discernir a contribución de axudantes na súa elaboración.

18 ago 2011

Non se entende

Non nos sorprende que haxa persoas que non simpatizan coa Igrexa por moi diversas razóns:  por falta de fe; por unha fe moi persoal, "á carta", que non comparte a "católica" común;  por algún resentimento de experiencias relixiosas amargas que os deixaron feridos, por convencemento de ateísmo, por pensar que a relixión é unha deficiencia de perspectiva humana e carente da comprensión científica da natureza e da vida.
Non nos sorprende que estas persoas acusen aos bispos e demais eclesiásticos de manipuladores, soamente interesados en manter o "tinglado" da institucíón eclesial e de seguir controlando as conciencias dos incautos crentes.
Non nos sorprende que estas persoas se propoñan axudarnos aos crentes a liberarnos deses atavismos e infantilismos que nos fan víitimas da rapina eclesiástica.
Non nos sorprende que estas persoas  se nos presenten coma os verdadeiramente libres e liberados, lúcidos, carentes de represións internas ou externas que coarten as súas decisión libres.
O que nos sorprende é que nos  acusen aos crentes de intolerantes e opresores  e que eles se sintan lexitimados para apartarnos do noso extravío pola forza coactiva da calumnia, da mentira, do poder mediático, da caricatura ofensiva, da blasfemia feridora e de toda clase de malas artes e malos humores.
A Igrexa hai tempo que deixou de levantar fogueiras e queimar herexes ou ateos. Agora, parece que son outros os que senten a necesidade de impoñer aos demais a súa triste ideoloxía
Por favor, non se empeñen en "liberarnos" e permítannos ser, a pesar de todo, ilusos, inxenuos e portadores desta fe e desta esperanza: que o amor, a xustiza e a paz son dons que Deus nos segue dando e tarefas ás que nos segue chamando.

Benvido, Bieito XVI

Sí, tamén desde aquí lle damos a benvida a S.S. Bieito XVI. Desde aquí, desde esta humilde comunidade parroquial de Santa Margarida, afeitos como estamos a abrirlles as portas a todos:  aos irmáns na fe por razóns de comunión e fraternidade; aos non crentes por razóns de humanidade e solidariedade pero, sobre todo, porque así nolo manda o Señor. ¿Como non recibir con alegría e abrirlle as portas do corazón e da casa ao Papa, sucesor de Pedro, bispo de Roma, a quen se lle confiou a unidade de todas as igrexas e ser signo do mesmo Cristo o Señor, Pastor e Mestre?

15 ago 2011

IMAXE DA FESTA DO ANO 2010

Cada ano, a imaxe da nosa querida padroeira Santa Margarida percorre as rúas próximas á igrexa e escenificamos así a bendición e protección con que ela, Santa Margarida, coida dos nosos fogares e familias. En tempos difíciles para moitos dos nosos veciños ela, que foi mártir e soubo ser firme na fe,  está a facernos un chamamento para que sexamos fieis e firmes na fe ao tempo que acolledores, solícitos, solidarios e abertos con todos os que necesitan de nós.
Santa Margarida, roga por nós.

A SANTA MARIA, NA FESTA GRANDE DA ASUNCIÓN


10 ago 2011

MOMENTOS DE PAZ (Andres GV)

LAUDES EN ZIORTZA
Cando empezaba o mes de agosto pasei tres días no mosteiro de  Zenarruza ou Ziortza, antes de dirixirme a Lourdes.
      Ziortza  está no corazón de Biskaia, na vila dos devanceiros do liberador americano Simón Bolívar, quen,  por certo, estando recén casado, pasou pola Coruña en 1802 para embarcarse rumbo a Venezuela.
O mosteiro,  rehabilitado e animado por unha comunidade de cistercienses procedentes de La Oliva, Navarra, ofrece albergue aos peregrinos e hospedaxe a quen desexa compartir cos monxes algún días de oración, fraternidade e silencio. Puiden constatar alí o incesante e esforzado ascenso dos peregrinos polas ladeiras do monte Oiz, algúns en bicicleta, con presenza numerosa de alemáns, a maioría mulleres, pois Ziortza está en pleno Camiño do Norte cara a Santiago.
Cada noite, despois do rezo litúrxico das Completas, ao que se sumaban os peregrinos, os monxes entoaban a Salve Regina e, de seguido, o prior despedía a comunidade e a todos os presentes rociándooos persoalmente, un por un, con auga bendita. Un xesto paternal e un signo de protección que nos levaba ao descanso sabéndonos fillos de Deus polo bautismo.

ÁNGELUS EN LOURDES
            Xa en Lourdes, encontreime mergullado nun mundo enteiramente “católico”, anque aberto a todos, especialmente aos discapacitados, enfermos e humildes. En Lourdes o visitante enchóupase na corrente “católica” das augas eclesiais. Significativa e expresamente “católica” é a procesión co Santísimo a media tarde; “católico”, o rezo pousado e meditado do rosario mariano, ás nove do atardecer, con antorchas que se alzan ao canto da Ave María de Lourdes.  Especial, emotivo e plenamente “católico” é o credo, con que se pecha o rosario,  cantado en latin por miles de voces de diversa entoación e unha mesma fe. Católicos son a inmensa maioría dos peregrinos, que persoalmente ou en grupo, participan nas eucaristías que, en linguas diversas, se celebran en diferentes puntos do santuario ao longo de cada xornada.
AS VÉSPERAS EN TRASMAÑÓ
Atardecer nas illas Cíes, Vigo.
            Trasmañó está no alto de Chapela, na entrada de Vigo. Alí desde hai vintesete anos oran e laboran as monxas bieitas, que foron antes, desde o século XVI,  alma e corazón da pontevedresa vila da Guarda, no esteiro do Miño.  Recupero o silencio, a oración litúrxica, o contacto coa natureza, o compartir fraterno, e recargo as baterías do corazón. Grazas a estas monxas toda a ría de Vigo ecoa salmos e adormece en paz. A posta do sol sobre as Cíes culmina o atardecer e pon as Completas nas vacacións de 2011.
A.G.V.

Colecta mensual de Cáritas

 A colecta do primeiro domingo do mes de agosto de Cáritas acadou a cantidade de 497,36 euros. A todos,  a graza e bendición do Señor.